Monday 01 de July de 2024

Neda completa os traballos de acondicionamento da praia do Puntal de cara a temporada estival


O Concello realizará quincenalmente o cribado mecanizado da area para retirar refugallos

O Concello de Neda vén de rematar os traballos de acondicionamento e limpeza da praia da Magdalena, no Puntal, de cara ao inicio da tempada estival. Ademais da retirada de crebas (material de deriva) e doutros residuos acumulados durante o resto do ano, a posta a punto incluíu ademais a eliminación de maleza nos accesos ao areal.

Os traballos mecanizados no areal principal comezaban a finais da semana pasada. De feito, antes da fin de semana xa se acometera a retirada de refugallos e, coa axuda dun tractor, se realizaran os traballos de rastrillado e cribado da area. Nos últimos días a intervención (retirada de refugallos, batida e aplanado da area) levouse a cabo ao outro lado do peirao, facilitando tamén o seu uso por parte da veciñanza.
Apuntan dende o Concello que quincenalmente, ata mediados de setembro, levaranse a cabo traballos mecanizados de cribado, buscando así que o areal desta praia situada na ría, escasamente concorrida, presente unhas axeitadas condicións de uso.

A administración local dispón dunha axuda de 6.768 euros da Deputación da Coruña, no marco programa de axudas para a limpeza de praias en municipios costeiros da provincia.

Deja un comentario